A nosa aposta
Unha Universidade moderna, aberta á sociedade, comprometida coa inserción
laboral dos seus estudantes, coa transferencia de coñecementos ás empresas
e plenamente inserida no ámbito socioo-económico da súa influencia.
Pola calidade docente, a participación activa nos procesos de avaliación,
acreditación e certificación de centros e titulacións e pola formación
permanente e a innovación educativa.
Pola calidade investigadora, con programas de apoio aos grupos de referencia
e participación activa da Universidade de Vigo en todos os Centros de
Investigación que promovan as autoridades autonómicas estatais.
Pola innovación, promovendo a Cidade da Tecnoloxía como foro de encontro
dos univesitarios coa iniciativa privada.
Polo progreso científico vencellado aos programas de internacionalización e de
apoio aos grupos de investigación da Universidade de Vigo.
Por un fondo compromiso co medio ambiente, polo uso das enerxías
renovables, a preservación dos hábitats, a valorización do patrimonio natural e
a incorporación da formación ambiental na oferta docente da Universidade de
Vigo.
Pola política de conciliación e igualdade na Universidade de Vigo para
contribuir a un modelo de sociedade máis xusto e avanzado.
Todo isto ten espazo propio nun proxecto plural e participativo.
Un novo equipo de goberno
A estrutura de goberno que propoñemos parte da distribución actual de
competencias e introduce lixeiras modificacións que conxugan pluralidade,
renovación de goberno, representación de ámbitos de coñecemento, de
centros e campus. Xunto a isto, combina experiencia e xuventude con todo o
que iso significa: unha asunción de compromisos e responsabilidades por parte
das xeracións máis novas.
O equipo está composto polas seguintes persoas:
REITOR
Dr. D. Alberto Gago Rodríguez
Catedrático de Universidade de Economía Aplicada
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
SECRETARIA XERAL
Dra. Dona Esther González Pillado
Profesora Titular de Universidade de Dereito Procesual
Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
VICERREITOR DE PLANIFICACIÓN
Dr. D. José Cidrás Pidre
Catedrático de Universidade de Enxeñaría Eléctrica
Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial
VICERREITORA DE TITULACIÓNS E CONVERXENCIA EUROPEA
Dra. Dona Carmen García Mateo
Profesora Titular de Universidade de Teoría do Sinal e Comunicacións
Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación
VICERREITOR DE INVESTIGACIÓN
Dr. D. Manuel Reigosa Roger
Catedrático de Universidade de Fisioloxía Vexetal
Facultade de Bioloxía
VICERREITORA DE EXTENSIÓN CULTURAL E ESTUDANTES
Dra. Dona María del Carmen Cabeza Pereiro
Profesora Titular de Universidade de Lingüística Xeral
Facultade de Filoloxía e Tradución
VICERREITOR DE PROFESORADO E ORGANIZACIÓN ACADÉMICA
Dr. D. Antonio García Pino
Catedrático de Universidade de Teoría do Sinal e Comunicacións
Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación
VICERREITOR DE NOVAS TECNOLOXÍAS E CALIDADE
Dr. D. Anxo Sánchez Bermúdez
Profesor Titular de Universidade de Enxeñaría Química
Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial
VICERREITOR DE RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
Dr. D. Iván Area Carracedo
Profesor Titular de Universidade de Matemática Aplicada
Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Telecomunicación
VICERREITORA DE ECONOMÍA
Dra. Dona María Montero Muñoz
Profesora Titular de Universidade de Fundamentos da Análise Económica e
Historia e Institucións Económicas
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
VICERREITOR DE FORMACIÓN E INNOVACIÓN EDUCATIVA
Dr. D. Pedro Membiela Iglesia
Profesor Titular de Universidade de Didácticas das Ciencias Experimentais
Facultade de Ciencias da Educación
VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE
Dr. D. Juan Francisco Gálvez Gálvez
Catedrático de Escola de Linguaxes e Sistemas Informáticos
Escola Superior de Enxeñaría de Informática
VICERREITOR DO CAMPUS DE PONTEVEDRA
Dr. D. Jesús Hernández Sánchez
Catedrático de Pintura
Facultade de Belas Artes
Os títulos de Posgrao
A introdución paulatina e anticipada de másters públicos pretende graduar o
crecemento da oferta destes títulos para evitar os problemas que suporía o seu
agolpamento no último curso dos graos. Esta estratexia pode ter outras
motivacións diferentes na Universidade de Vigo. Nalgún caso, pode facer
explícitas as vantaxes comparativas desta universidade e tomar posición por
anticipado no Sistema Universitario de Galicia; pode buscarse, así mesmo, a
posible repercusión positiva dunha oferta de másters sobre as actuais
titulacións e os futuros títulos de grao; e por que non, pode situarse no mercado
privado dos másters e comezar a competir cos títulos privados sen agardar a
completar todo o proceso de transformación.
Para a Universidade de Vigo todos eses obxectivos son interesantes cun apoio
institucional prioritariamente dirixido a aqueles posgraos que teñan un valor
estratéxico especial ou aqueloutros que teñan detrás unha política de titulación
ou de centro.
O I+D+i
A política de I+D+i que defendemos constitúe probablemente o elemento
estratéxico máis relevante e diferenciador do noso programa. Aspiramos a todo
e isto significa compartir os nosos proxectos coa iniciativa privada, participar
activamente nas iniciativas externas que nos propoñan, estar ben situados
onde poida ser estratéxica a nosa presenza, impulsar institucionalmente os
procesos de transferencia de coñecementos e utilizar para iso todos os
instrumentos dispoñibles: servizos de apoio á investigación e ao
desenvolvemento, consorcio do Parque Tecnolóxico Universitario de Galicia,
módulos centralizados de investigación e innovación, e Citexvi.
A nivel Interno
Esta política require que os nosos doutores e grupos teñan solidez e estean
axeitadamente atendidos. Para iso, hai cambios que se deben facer na
definición dos programas de axudas ao fomento da investigación, e nos
mecanismos de colaboración entre grupos, ademais de progresar no apoio na
xestión de convocatorias, proxectos e contratos. Pero, sobre todo, temos que
definir liñas preferentes e aproveitar as vantaxes e sinerxías dos grupos de
investigación da Universidade de Vigo cun elevado nivel de calidade e
recoñecemento internacional.
A política de I+D+i que queremos impulsar está sustentada en criterios básicos
de méritos, capacidade e harmonización entre ámbitos, e atende ás iniciativas
estratéxicas de implantación dun plan de calidade da I+D+i.
A nivel externo
Pero gran salto adiante da I+D+i da Universidade de Vigo nos vindeiros anos
vaise producir a nivel externo:
1. Estando presentes en todas as convocatorias abertas para crear centros de
investigación de referencia con financiamento centralizado. O éxito desta liña
de traballo nos últimos anos é moi importante. Empezamos en 2004 coa
Estación de Ciencias Mariñas de Toralla; seguimos en 2005 co Centro de
Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) de Ourense; e concluiremos
no bienio 2006-2007 os módulos de ampliación do CACTI, Biosanitario e
Tecnolóxico-Industrial. En catro anos poñeremos a punto unha estrutura
centralizada de investigación moi salientable. Coas garantías económicas
precisas e con grupos competitivos, esta é unha liña que debería ter
continuidade no futuro. E para iso necesitamos que os tres campus poidan
achegarlle á universidade o seu propio valor engadido: unha tripla hélice
xerando sinerxías e envorcada coa innovación e a transferencia.
2. Estando igualmente presentes nos centros de investigación de referencia que
promovan o Estado, a Xunta de Galicia e calquera outra institución pública ou
privada. De feito, xa estamos presentes a nivel de consulta nos temas de
nanotecnoloxías, ciencias mariñas, enerxías renovables, tecnoloxías das
comunicacións, seguridade alimentaria e estudos eurorrexionais. Queremos
seguir ampliando estas iniciativas e reforzalas coa creación de observatorios
especializados en todos os ámbitos do coñecemento.
3. Participando no consorcio do Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de
Galicia, xunto coas Universidades da Coruña e de Santiago de Compostela.
Este instrumento debe ser a canle institucional para lles dar saída ás iniciativas
compartidas de I+D+i a nivel autonómico, sobre todo no que se refire a
dotacións comúns e á promoción do capital-risco. A referencia do parque en
Vigo debe ser o campus universitario, no que debe interaccionar con todo o
resto de estruturas propias e instrumentos diversos dedicados ás actividades
de I+D+i.
4. Incentivando institucionalmente a colaboración coa empresa privada e a
transferencia dos resultados da investigación, desenvolvemos o proxecto
Citexvi, unha sociedade anónima creada con Zona Franca e Caixanova para
construírmos un novo espazo de I+D+i no campus de Vigo.
5. Por último, é necesario impulsar o papel da Universidade de Vigo no
Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGALICIA), e a nosa
participación nos proxectos de investigación neste ámbito.
Aos nosos docentes
Este programa contén compromisos importantes para o PDI en termos de
docencia, investigación e servizos, tales como un programa de desgravacións
docentes por actividades non regradas, que contempla incentivos para a
realización de iniciativas complementarias da docencia (prácticas en empresas,
mobilidade internacional, cursos cero, etc.), e un programa de desgravacións
docentes por actividades de investigación implantado dentro da nova definición
de contrato-programa cos grupos de investigación
Pero se cadra o principal compromiso co PDI refírese á estabilidade, á carreira
académica e á promoción mediante programas propios que non supoñan un
desequilibrio entre ámbitos. Neste sentido, os Estatutos da Universidade e o
Regulamento de Profesorado dan garantía de estabilidade e promoción para as
figuras de profesorado anteriores á aprobación dos Estatutos. A isto queremos
engadirlle un sinal moi claro dirixido ao persoal incorporado con posterioridade.
Manifestamos o noso interese en que conste expresamente na Lei Orgánica de
Universidades a figura de profesor contratado doutor, aínda que a súa
regulación se efectúe no ámbito das comunidades autónomas. Facemos
explícito o compromiso de manter o programa propio de promoción para
contratados doutores que iniciamos este curso cunha dotación mínima de 10
prazas ao ano durante os catro anos de mandato. Comprometémonos a manter
as bases da convocatoria aprobadas por Resolución reitoral de 5 de xaneiro de
2006, que regula a provisión de prazas de contratado doutor na Universidade
de Vigo.
O persoal de administración e servizos
Formación, capacitación, planificación, avaliación do desempeño e
recoñecemento profesional do PAS son factores que deben harmonizarse
nunha estratexia de calidade e excelencia da xestión. A consecución dos
obxectivos e defensa dos intereses dunha universidade cada día mais
complexa fai imprescindible contar cun PAS con experiencia, comprometido e
formado.
En consecuencia, mantemos a nosa aposta por afondar na profesionalización
da xestión e na definición dunha carreira profesional coas máis altas cotas,
vencellando as melloras do persoal á maior asunción de responsabilidades na
xestión e nos servizos.
Ademais, asumimos por esixencia estatutaria e por convición que a
desconcentración funcional pasa pola descentralización dos servizos nun
diálogo continuado coa representación social e cos consellos de campus.
Queremos consolidar neles a figura dun vicexerente con amplas competencias
delegadas do xerente. Dinamizarán, impulsarán e coordinarán a implantación
de servizos xerais nos respectivos campus, sendo garantes do dereito dos
membros da comunidade universitaria a gozaren dunha xestión áxil e eficaz.
Formando profesionais, pensando nas persoas
Estamos preocupados polos cambios que vai supoñer a implantación do novo
modelo europeo de créditos e títulos. A harmonización do Espazo Europeo da
Educación Superior supón unha aposta pola aprendizaxe. A consecuencia
deben ser plans de estudo menos cargados de materias, con máis tempo para
o traballo persoal, máis dotación de material bibliográfico e informático de apoio
á docencia e menos horas de clase presencial. Na nosa opinión, esta é unha
boa aposta e trataremos de defendela.
Outro dos retos dos próximos anos que atinxe especialmente ao alumnado é a
potenciación das prácticas profesionais e o apoio á primeira empresa e ao
primeiro emprego. O proxecto da cidade tecnolóxica, que aprobamos en
xaneiro pasado e que queremos desenvolver nos próximos tres anos, ten moito
que ver con todo iso. Por unha banda, pretende aproximar fisicamente as
empresas á universidade para que coñezan os nosos estudantes, os acollan en
prácticas, dean o paso de asinarlles o primeiro contrato e que todo iso derive
na realización de proxectos conxuntos. E, por outra, neste proxecto
incorporamos un viveiro de empresas para apoiar o nacemento das primeiras
ideas e dos primeiros proxectos empresariais dos nosos titulados/as. A isto
referímonos cando falamos de apoiar a cultura emprendedora dos nosos
estudantes. Se teñen unha idea, terán un sitio e apoio para darlle forma e
levala adiante.
Por suposto, asumimos o compromiso de manter e reforzar as actividades
relacionadas cos estudantes que contan con maior difusión e nas que houbo un
maior nivel de participación. É o caso dos programas de intercambio e
mobilidade, de prácticas de empresa e fomento do emprego, de voluntariado,
de obradoiros, de actividades culturais e de actividades deportivas. Noutros
epígrafes do programa referímonos a estas liñas principais con máis vagar. E
consideramos tamén que a posta en marcha do servizo de gabinete
psicopedagóxico foi un acerto no que debemos afondar.
Asumimos outros compromisos de carácter diverso vencellados á prestación de
servizos complementarios:
- Ampliación dos horarios da bibliotecas universitarias urbanas nos períodos
previos e durante as datas de realización de exames.
- Inclusión dentro da oferta do Centro de Linguas de cursos para a obtención
dos certificados de idiomas que son condición excluínte nos programas de
intercambio e mobilidade de estudantes.
- Revisión dos convenios de transporte asinados para promover un incremento
dos servizos tanto no período lectivo coma nos horarios de inicio e fin de
semana e de períodos vacacionais.
Responsabilidade co entorno
Campus Verde é un dos proxectos estratéxicos do noso programa electoral
para o próximo mandato. Na realidade, constitúe unha marca que engloba
todas as actividades que queremos que a Universidade de Vigo realice no
terreo das enerxías renovables, no respecto polo medio ambiente e o
desenvolvemento sustentable.
No fundamental, esta iniciativa complementa e amplía o programa de
innovación enerxética posta en marcha no ano 2005. Así, os obxectivos de
mellora da eficiencia enerxética e implantación de enerxías renovables nas
edificacións esténdense a todos os campus e compleméntanse cos obxectivos
de respecto polas zonas protexidas, a recuperación de espazos de hábitats
naturais, a definición de espazos de lecer, a implantación de motivos
escultóricos ou construcións singulares. Neste sentido, a iniciativa Campus
Verde enténdese como un conxunto de actuacións tecnolóxicas, paisaxísticas,
arquitectónicas e urbanísticas, que teñen en conta a integración das enerxías
renovables nos campus, o medio natural e as singularidades das edificacións,
así como os espazos e vías actuais e previstos nos plans de urbanización dos
campus.
Esta iniciativa, xa que logo, busca promover unha imaxe inequívoca de espazo
ecolóxico sustentable que acolla propostas técnicas, urbanísticas e artísticas
relacionadas con valores ambientais e innovadores dos nosos campus
universitarios.
Unha sólida Política Cultural
A Universidade ten entre as súas funcións a de contribuír á formación integral
das persoas, incluíndo todas as expresións da cultura como manifestación dun
xeito de ver e interpretar o mundo. Tamén constitúe un punto de referencia
fronte á sociedade, desempeñando un rol de axente dinamizador de ideas e
proxectos creativos.
Ademais da docencia e a investigación, está entre os fins da institución
universitaria a atención ás manifestacións culturais e o apoio con medios
humanos e financeiros a este labor. A nosa proposta caracterízase polos
seguintes trazos:
-Cultura autóctona e universal.
-Relacións de veciñanza.
-Foro de debate.
-Espazo para a creación artística.
-Espazo para a divulgación.
Ourense
A evolución do campus de Ourense nos últimos anos foi espectacular. Os retos
do próximo mandato do reitor continúan a ser importantes. Comprometémonos
a finalizar as infraestruturas pendentes e a poñer en funcionamento e sacarlle
todo o partido aos investimentos realizados, e a multiplicar se cabe a presenza
da universidade na sociedade ourensán, contribuíndo ao desenvolvemento
provincial.
Este salto adiante require unha resposta de igual calado. Por iso, no noso
programa para o campus de Ourense presentamos as seguintes propostas
para os vindeiros catro anos:
1. Compromiso coa defensa dos títulos impartidos no campus de Ourense
2. Ampliación da estrutura de goberno do campus
3. Posta en marcha das novas infraestruturas de investigación
4. Avanzar na descentralización de funcións e servizos
5. Novos servizos á comunidade
6. Reordenación urbanística